Turistas que entran na cidade cantando a calquera hora, bicicletas que circulan por beirarrúas, picnics nas prazas e rúas da zona vella, acampadas, pintadas sobre o pavimento… as escenas fóronse incrementando nos últimos tempos, e con elas, as protestas dos veciños.
Por iso, o Concello de Santiago acaba de publicar un código de boas prácticas que deberán cumprir os que visiten a cidade, nunha aposta polo turismo sostible que fomente o coidado do patrimonio e a boa convivencia entre veciños e visitantes, lembrando que Santiago é Patrimonio da Humanidade, e que como di o lema, «tes o dereito para gozalo e a obrigación de coidalo».
Dende a Asociación Hostelería Compostela avogamos por un turismo sostible e animamos a todos os nosos asociados a colaborar na campaña de difusión deste código de boas prácticas entre os clientes que visiten os seus establecementos.
CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS
1. CORRESPONSABILIDADE
Un patrimonio colectivo que temos o dereito para gozar e o deber de coidar.
2. DIVERSIDADE
Un lugar de acollida e respecto á diversidade, que comparten as persoas que habitan e as que visitan, tanto a cidade como o noso rural. Descúbreo!
3. AUTENTICIDADE
Non te deixes levar por pseudo-tradicións ou prácticas inapropiadas.
4. SINGULARIDADE
Compra produtos artesanais no comercio local e participa da nosa intensa vida cultural. Descobre o Santiago capital da gastronomía nos nosos magníficos restaurantes.
5. CALIDADE AMBIENTAL
Deposita o lixo nas papeleiras e colectores. Emprega os aseos públicos e gratuítos. Aforra auga e electricidade.
6. CALIDADE ACÚSTICA
Celebra a chegada sen exceso de ruído, respectando á poboación. Garda o bastón de camiñar: evita danar o pavimento e aumentar a contaminación acústica.
7. CALIDADE VISUAL
A paisaxe urbana que che rodea ten un valor excepcional: non é unha área de picnic nin unha zona de acampada.
8. PREFERENCIA PEONIL
Se chegas en bicicleta, ten en conta as zonas peonís en hainas que desmontar e continuar a pé. Camiña os últimos metros con calma e prudencia.
9. SEGURIDADE
Os grupos numerosos non están exentos de cumprir as normas de circulación.
10. DEREITO Ao DESCANSO
Santiago ten moitas opcións de lecer: divírteche respectando a quen descansa.
11. TRANQUILIDADE
Goza da paz dos espazos patrimoniais e da calma dos parques e xardíns desta cidade verde.
12. HOSPITALIDADE
Axúdanos a axudarche. Turismo de Santiago de Compostela está á túa disposición.