Dende a Xunta Directiva de Hostalería Compostela queremos agradecer o voso apoio e implicación nesta nova etapa. Os nosos obxectivos son a defensa dos intereses dos asociados e do sector, a colaboración coas administracións para desenvolver proxectos de dinamización e promoción turística e a mellora dos servizos aos socios, cunha xestión máis eficaz e transparente e co asesoramento integral aos emprendedores e empresarios.
Para cumprir estes obxectivos e devolver a este colectivo empresarial ao lugar que lle corresponde, polo seu peso na economía de Santiago e Comarca, tivemos que tomar algunhas decisións moi difíciles pero necesarias para abrir esta nova etapa. A máis importante foi o cambio do anterior xerente, Andrés Condide, por falla de confianza.
A súa mala xestión levounos a unha situación moi complicada dende o punto de vista da viabilidade. Por iso facemos un chamamento a todos os socios e non socios para entre todos ser quen de refundar este colectivo empresarial e facer que esta asociación sexa cada vez máis útil e proveitosa e que teñamos máis forza tanto a nivel individual como colectivo.
Convocamos unha Asemblea Xeral Extraordinaria para o vindeiro 23 de outubro co obxectivo de informar sobre as decisións adoptadas, analizar a situación e presentar un plan de viabilidade así como comunicarvos as accións que estamos a desenvolver para que este colectivo volva a ocupar o lugar que lle corresponde na cidade.