Baixo o reclamo “Na túa despensa, o mellor de Galicia”, Bódegas Martín Códax, Cafés Candelas, Cuevas Marrón Glacé, El Nogal, Granbazán, Larsa, Méndez-Rojo, Pazo do Queixo, Quescrem, Real Conservera Española e Torre de Núñez estarán presentes do 12 ao 19 de setembro na Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. Trátase dunha aposta do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) pola promoción conxunta de produtos galegos, nos que o posicionamento das diferentes marcas contribúe a proxectar a marca Galicia e dá continuidade as estratexias de marketing e comercialización das empresas socias.
Deste xeito, o posto de Clusaga na Nave 6 do Mercado estará a ofrecer catas e degustacións dos produtos destas entidades, en horario de 9.30 a 14.30 horas. As persoas que se acheguen aos postos coñecerán de primeira man alimentos e bebidas das diferentes marcas e poderán recibir agasallos ou participar no sorteo de experiencias de turismo industrial ou gastronómico, entre outras actividades.
Esta primeira acción promocional, organizada dende a Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga, conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Asociación Hostelería Compostela e Socivi. Ademais, están involucradas nas outras entidades socias de Clusaga como o Consello Regulador da DOP Arzúa – Ulloa, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Lugar Daveiga e Pazo de Vilane.
Axenda da Aula – Cociña
En paralelo ao posto da Nave 6, e durante esta semana de promoción conxunta, a Aula – Cociña do Mercado será escenario de diversos eventos promovidos polas empresas participantes Cuevas Marrón Glacé, Real Conservera Española e Cafés Candelas, e polas entidades socias de Clusaga IXP Ternera Gallega e Arzúa – Ulloa DOP.
Asimesmo, o xoves 14 de setembro celebrarase a presentación da campaña de Clusaga, que reunirá a representantes institucionais de ámbito local e autonómico en materia de gastronomía e turismo para afondar nesta iniciativa e visitar o posto da Nave 6. Ese mesmo día, e tras a celebración dun Showcooking no que o cociñeiro compostelán Alén Tarrío (Pampín Bar) amosará receitas cos produtos participantes, o público da praza poderá probar as elaboracións a partir das 12.45 horas.
O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por máis de 150 socios, entre os que están as principais empresas produtoras e transformadoras do sector, así como universidades e centros tecnolóxicos da comunidade. O seu obxectivo é contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sustentable e mellora da competitividade e internacionalización do sector dos alimentos e as bebidas na rexión.