O acto de entrega de premios celebrado no Auditorio de Galicia pechou a XV edición de Santiago(é)Tapas. O concurso, organizada por Turismo de Santiago en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela, celebrouse por primeira vez do 15 de febreiro ao 3 de marzo, logo de que a Asociacións Hostelería Compostela solicitase o cambio xa que en novembro, nas datas tradicionais do concurso, xa hai unha actividade importante no sector froito do proceso de desestacionalización turística que está a vivir o destino.
O certamen rematou con preto de 25.000 tapas consumidas nos locais participantes, que se amosaron moi satisfeitos polos resultados desta edición, que lles serviu non só para incentivar o consumo e aumentar as vendas, senón tamén como unha perfecta tarxeta de presentación da gastronomía dos seus locais.
Sara Santos, presidenta da Asociación Hostalería Compostela aproveitou a súa intervención para agradecer o esforzo dos hostaleiros que participaron nesta edición, felicitándolles polo seu traballo e incidindo en que o concurso non só goza de boa saúde, senón que «segue crecendo en calidade con propostas moi interesantes», e falou da satisfacción da entidade que representa por comprobar «que aos que xa son habituais do concurso sumáronse moitos outros que se presentaron por primeira vez».
Ademais, tamén quixo dar as grazas a «todos os patrocinadores e empresas colaboradoras, pola súa confianza en nós» e a axuda, un ano máis, do CIFP Compostela e de todos os que «colaboran e traballan para conseguir que o Santiago(é)Tapas sexa un éxito».
No acto de entrega de premios tamén participaron representantes das diferentes entidades e empresas que patrocinan e colaboran co concurso: a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; o responsable da Área de Calidade alimentaria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Ricardo
Rivas; o xerente de Cash Record, Simón Quintela; o promotor de vendas de Cafés Dromedario, Bruno Hermida; o delegado comercial de Estrella Galicia en Santiago, Guillermo Fernández; o wine ambassador de Ponte da Boga en Santiago, Alberto García; e a responsable do Departamento de
Restauración e Seguridade Alimentaria da Asociación Galega de Persoas Celíacas, Nuria Colmenero.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, suliñou que o éxito de Santiago(é)tapas no mes de febreiro vai na liña de traballo que se está desenvolvendo para conseguir mudar o modelo turístico de Santiago, apostando pola colaboración co sector e o fomento da desestacionalización con actividades que dinamicen Compostela nos meses de tempada baixa. Tamén agradeceu as facilidades que deu a Deputación da Coruña para o cambio de datas, xa que sen o seu apoio non sería posible o mesmo.
Pola súa banda, segundo sinalou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o cambio de datas non tivo impacto nin no número de locais participantes nin no consumo. Así, neste ano consumíronse preto de 25.000 tapas, unha cifra similar a da última edición de novembro de 2022. Míriam Louzao destacou que estes datos eran moi relevantes, tanto porque se produciron no mes de febreiro, un mes moi complexo para o sector, como porque o 40% do consumo foi de persoas que non residen
en Compostela.
Os locais gañadores dos diferentes premios foron:
Mellor tapa creativa: Crocante de abelá e praliné de maracuyá, La Morena.
Mellor tapa tradicional: Estamos como cabras, Artesana.
Mellor tapa doce: Crocante de abelá e praliné de maracuyá, La Morena.
Mellor tapa en maridaxe con viño: Cachucha, grelo e calçot, Nómade.
Mellor tapa en maridaxe con cervexa: Bomba de polbo á feira, La Planta.
Mellor tapa sen glute: Castaña Doce, A Maceta.
A gala incluiu ademáis o sorteo de agasallos en directo para os hostaleiros participantes. Así, o premio de MEGA Estrella Galicia foi para A Moa; o de Alda Hotels para A Bodeguilla de San Lázaro, e o de Vega Studio para Pico de Galo.
Entre os asistentes á gala non faltaron representantes destas tres empresas, así como varios membros do xurado, entre eles os seus coordinadores, Xosé Manuel Quintáns e Gonzalo Salgueiros, entre outros.