A concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron hoxe a campaña de comunicación que se desenvolverá neste Nadal para anunciar o cambio de datas da XV edición do concurso Santiago(é)tapas, que terá lugar do 15 de febreiro ao 3 de marzo.
O cambio de datas, que se decidiu conxuntamente entre Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, faise porque nas dúas últimas edicións, unha vez pasado o coronavirus e coa reactivación plena do sector turístico na cidade, o concurso sufríu un estancamento no número de establecementos participantes debido principalmente á desestacionalización turística, que permitiu que no mes de novembro o sector teña xa un volumen de actividade importante.
Segundo destacou Míriam Louzao: “a recepción que estamos tendo deste cambio de datas por parte dos establecementos está sendo moi positiva. En xeral, o cambio trae consigo dúas vantaxes: por unha banda, permitiu que os estabelecementos puidesen traballar no mes de novembro concentrando os seus esforzos na actividade deste mes; por outra banda, os establecementos ven que as novas datas escollidas son unha oportunidade para aumentar a súa actividade nun periodo de pouca demanda”.
Pola súa banda, Flavia Ramil, apuntou que neste periodo de Nadal desenvolverase unha importante campaña de comunicación baixo o lema “As Tapas son a Estrela”, co dobre obxectivo tanto de incentivar a inscrición por parte dos estabelecementos da cidade como de informar ao público interesado do cambio de datas do concurso. Neste sentido, lembrou que a data de peche das inscricións remata o 10 de xaneiro.
A mecánica do concurso será a mesma que a doutros anos, establecéndose varios roteiros e con premios ás mellores tapas, habendo esta edición e como novidade unha etapa e un premio especial á máis doce para incentivar a participación de cafeterías e bares que traballan almorzos e merendas, tal e coma destacou a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos.
Nesta ocasión haberá tamén premios ás mellores tapas tradicional, creativa, maridada con viño Ponte da Boga e con Cervexa Estrella Galicia; e á mellor tapa sen glute, outorgada un ano máis pola Asociación de Celíacos de Galicia.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, as tapas debererán estar elaboradas con produtos galegos de calidade contrastada, produtos de agricultura ecolóxica ou produtos do mar de Galicia certificados, nunha aposta pola gastronomía galega e os produtos de proximidade.
Haberá obsequios directos aos que fagan as etapas completas, para o que terán que ir selando o Tapasporte, e sortearanse agasallos entre todos os que voten as súas tapas preferidas, que poderán gañar entradas a museos, espectáculos de humor e festivais de música; noites de hotel, ceas experienciais, produtos gourmet, bonos para deporte e benestar, etc, grazas a empresas colaboradoras como Alda Hotels, Agacal, Etiqueta Negra, Recorda Fest, D.O Ribeiro, Boanerges, Curves, Pedras de Santiago, ás que se sumarán máis en datas próximas.
Podedes atopar toda a información na web santiagoetapas.gal onde tamén se poderá formalizar a inscrición para participar, sendo o prezo da inscrición de 99 euros (IVE incluido) e ver as bases deste ano.
DATOS DE INTERESE
Ao igual que na anterior edición, os prezos das tapas serán entre 2 e 4 euros, habendo un equipo de preselección formado por profesionais que analizará as receitas e degustará as tapas presentadas a concurso.
Ainda que nas bases van uns horarios establecidos para unificar o máis posible as rutas, os locais poden servilas noutro horario sempre e cando o avisen no momento da inscrición, especialmente pensando nos que serven as tapas doces.
A puntuación final de cada tapa será o resultado das puntuacións outorgadas polo xurado profesional (60%) e polo público (40%). As tapas gañadoras dos premios SANTIAGO(É) TAPAS 2024 serán as que obteñan a maior puntuación total.
Premio á tapa creativa do XV SANTIAGO(É)TAPAS,
dotado cun diploma e 1.000 euros.*
Premio á tapa tradicional do XV SANTIAGO(É)TAPAS,
dotado con diploma e 1.000 euros.*
Premio á tapa doce do XV SANTIAGO(É)TAPAS,
dotado con diploma e 1.000 euros.*
Mellor tapa maridada con viño Ponte da Boga
dotado con diploma e 500 euros en producto.
Mellor tapa maridada con cervexa Estrella Galicia dotado con diploma e 500 euros en producto.
MELLOR TAPA SEN GLUTE, outorgado pola Asociación de Celíacos de Galicia, e dotado cun diploma e unha cesta de produtos sen glute.
O público poderá votar durante os días de celebración do concurso XV SANTIAGO(É)TAPAS, do 15 de febreiro ao de 3 de marzo, mediante código QR.
REGALOS
Haberá regalos directos aos que completen as etapas (se saberá cantas en función dos locais que haxa) e se sortearán obsequios entre os que voten
A entrega dos premios SANTIAGO(É) TAPAS 2024 celebrarase o 11 de marzo de 2024.