O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, asistiron esta mañá na sede desta entidade ao arranque das probas de selección das tapas do XIII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela que se celebrará do 11 ao 28 de novembro.
Sindo Guinarte destacou que a organización de Santiago(é)tapas é unha sinal da volta á normalidade, tanto para os establecementos como para o público, dentro do contexto actual. Quixo agradecer o esforzo que se está facendo o sector para afrontar do mellor modo posible a crise xerada polo Covid-19 e amosou a súa confianza en que o concurso de tapas será un éxito de participación.
Durante tres días -desde hoxe, día 15 de outubro, e o próximo luns 18 e martes 19 de outubro- un xurado profesional ocuparase de avaliar a calidade das tapas presentadas, para decidir se poden participar no concurso. Optan a elo 40 locais con máis de medio cento de tapas. “Valoramos moi positivamente ter este número de inscritos dadas as circunstancias que atravesa o sector, despois dun ano e medio de pandemia, e tendo que soportar aínda restricións como o peche das barras, un elemento clásico no consumo das tapas”, explicou Thor Rodríguez.
O certame conta co patrocinio de Cervezas Alhambra que, na súa aposta pola gastronomía, impulsa o premio “Maridaxe Cervezas Alhambra” dotado con 500 euros en produto e a oportunidade de participar nun showcooking nalgún dos eventos promovidos pola marca. Cervezas Alhambra reivindica o tempo como o ingrediente principal á hora de abordar a gastronomía para desfrutar sen présas das mellores experiencias culinarias. Tamén colaboran neste XIII Santiago(é)Tapas Cash Récord, Fraga do Corvo e Utimaq.
O equipo de preselección que estes días está traballando na sede da Asociación Hostelería Compostela debe valorar que as propostas respondan ao concepto de tapa, entendendo por esta unha pequena porción de alimentos elaborados para acompañar cunha bebida. Non serán aceptadas aquelas que en realidade sexan racións ou medias racións e as que, ao seu xuízo, non ofrezan unha calidade mínima. Tampouco serán válidas para o concurso as tapas que habitualmente se sirvan de balde nos locais, aínda que se lles realizaran pequenas modificacións.
O xurado tamén debe comprobar que as tapas inclúan na súa elaboración, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia.
A organización comunicará aos locais a admisión ou non das tapas presentadas ao concurso. En caso de que a resolución sexa negativa, daráselles un prazo para presentar unha nova proposta ou ben mellorar a xa presentada. Se non se cumpren os requisitos mínimos, a tapa poderá ser excluída do concurso.
As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo para o público de entre 1,50 e 3,50 euros.
Probas de cócteles
Unha vez rematadas as probas das tapas do XIII Santiago(é)Tapas, comezará a avaliación dos cócteles presentados ao II Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles organizado por Hostalaría Compostela e patrocinado polas gamas de mixers e tónicas Royal Bliss, de Coca Cola, e a xenebra Áncora de Silleiro. Estas probas terán lugar o mércores 20 de outubro pola tarde.
Os cócteles dividiranse en dúas modalidades: sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros. Premiaranse ademais o Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional e o Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda.