Desde a directiva da Asociación Hostalaría Compostela queremos mandarvos unha mensaxe de ánimo, desexamos que a crise provocada polo virus COVID 19 pase o máis axiña posíbel, que teña o menor impacto persoal nas persoas que conformamos os establecementos asociados, empresarios/as, traballadores/as, clientela… e nos nosos achegados. Esperamos poder volver canto antes á normalidade.
A directiva e o equipo técnico da Asociación mantivemos desde o minuto cero da crise unha intensa actividade encamiñada á defensa do sector con medidas concretas, e que seguimos facendo por considerar que as medidas aprobadas seguen a ser insuficientes para un sector como o noso, que é dos principais xeradores de emprego e riqueza do país e en concreto da nosa cidade e comarca. Canalizamos as nosas demandas, ben directamente a través dos nosos medios, ben a través da organización estatal ASOCIACIÓN DE HOSTELERÍA DE ESPAÑA á que pertencemos.
Entre estas accións cabe destacar:
Medidas económico financeiras levadas a cabo polo Goberno Central
- Axilización dos ERTES por causa de forza maior.
- Aprazamento dos pagos de débedas contraídas neste momento coa Administración.
- Medidas de financiamento inmediato para evitar o peche de empresas.
Negociación con SGAE, AIE, AGEDI, AISGE
- Aprazouse o cobro correspondente ao mes de marzo ao último semestre do ano, co compromiso de abrir un proceso de revisión unha vez finalizada a actual situación.
Demandas municipais
- Estudo da redución da taxa de terrazas, proporcional ao tempo de peche obrigatorio. Proposta que se resolve esta semana ou na vindeira, e seguimento da acción noutros concellos da comarca onde temos establecementos asociados.
- Eliminación da taxa de lixo o tempo de peche obrigatorio. Seguimos en vías de negociación cos distintos concellos.
- Elaboración dun plan xeral de reactivación do sector unha vez terminada a actual fase.
Créditos Liña ICO-COVID19
- Contactouse con diversas entidades bancarias, coa finalidade de poder acceder á posibilidade de tramitar estes préstamos a través da Asociación, como maneira de poder conseguir o maior financiamento posíbel para aqueles asociados que así o precisen. Para esta cuestión en concreto, debedes poñervos en contacto canto antes con Ramón García Seara, xerente da Asociación, no teléfono 981 59 27 00 ou ben mediante o mail direccion@santiagohosteleria.org
Reiteramos unha vez máis, a nosa disposición a atender todas aquelas cuestións que consideres a través dos medios habituais, e que sigas as nosas RRSS onde damos publicidade a aquelas noticias que consideramos de importancia para o sector.