A Fundación Rosalía de Castro e a A.V. Raigame, en colaboración coa Asociación Hostelería Compostela e Hostalaría.Gal, e o patrocinio do Concello de Santiago, volven a poñer en marcha este 2023 no aniversario da poeta, o Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar na que a escritora explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
A participación é aberta a todos os locais de hostalería que o desexen, cociñando o día 23 de febreiro o Caldo de Gloria para ofrecelo aos seus clientes como tapa de cortesía ou incluíndoo como prato no seu menú.
Para apoiar esta acción, distribuiranse de forma gratuita entre os locais participantes manteis, carteis e pousavasos conmemorativos, podendo solicitalos previamente á asociación a través do mail, onde tamén quedará rexistrada a súa participación.
Aquelas persoas que desexen cociñalo poden seguir as instrucións que a propia Rosalía de Castro dá no seu poema, ou consultar a receita de Picadillo de 1905.
A iniciativa forma parte do programa conmemorativo do Día de Rosalía, que inclúe lectura de poemas por parte do alumnado dos colexios Cluny e Quiroga Palacios, entre outros.
Desfrútao e compárteo nas redes sociais cos seguintes cancelos (hashtags): #CaldodeGloria #DíadeRosalía.