A Concellería de Igualdade acaba de poñer en marcha un ano máis a Campaña de dinamización e sensibilización social Compostela Diversa, coa que se pretende axudar a acadar o obxectivo de normalizar a realidade LGTBI, a través da implicación dos sectores básicos do municipio, neste caso Hostalería e Hotelería. Así, desde o luns 27 de maio e ata o domingo 30 de xuño proponse que Santiago vista as cores de Compostela Diversa. A participación é gratuíta para todos os bares, restaurantes e aloxamentos participantes, que poderán participar amosando os elementos distintivos da campaña.
Cada establecemento participante recibirá:
− Mandil (bares, restaurantes e aloxamentos 2 unidades c/u)
− Cartel (bares, restaurantes e aloxamentos 3 unidade c/u)
− Postal (aloxamentos 100 unidades c/u)
− Pousavasos (bares e restaurantes 100 unidades c/u)
− Mantel individual (bares e restaurantes 700 unidades c/u)
− Banderíns LGTBI
Para participar é necesaria a inscrición cumprimentando datos do establecemento (NOME ALOXAMENTO/BAR/RESTAURANTE, DIRECCIÓN POSTAL, TLF. CONTACTO, EMAIL CONTACTO) antes do día 20, ás 22.00 horas.
Haberá un límite de 100 participantes (30 aloxamentos + 70 bares/restaurantes).
A inscrición farase por rigorosa orde de chegada dos correos electrónicos a composteladiversa2024@gmail.com

SOBRE COMPOSTELA DIVERSA
Naceu para facer de Santiago un referente para as persoas LGTBI . O colectivo necesita de accións globais e inclusivas que axuden a avanzar na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida cotiá.
Esta acción está promovida pola Concellaría de Igualdade e conta coa colaboración de Turismo de Santiago de Compostela e o apoio económico da Deputación da Coruña.
Desde a perspectiva de Turismo de Santiago, a colaboración con Compostela Diversa ten dúas razóns fundamentais:
● Por unha banda, trátase de amosar que Santiago é historicamente unha cidade de acollida para todos e todas, máis alá da procedencia, das crenzas relixiosas ou da orientación sexual. Santiago de Compostela é unha Cidade Patrimonio da Humanidade, é dicir, é un patrimonio colectivo que calquera persoa ten o dereito a desfrutar sendo tratada dun xeito tranquilo, seguro e amable.
● Por outra banda, para que Santiago continúe evolucionando como destino turístico, sendo cada vez máis amplo e diverso.
Neste sentido, Compostela Diversa é un programa excelente para dirixirnos a turistas do colectivo LGTBI, destacando o carácter respectuoso e acolledor da nosa cidade.
Neste 2024, haberá tamén xornadas de reflexión e debate, da programación cultural e da iluminación/decoración de espazos públicos (Pazo de Raxoi, Oficina de Turismo, Alameda e Mercado de Abastos).