O concurso incluirá un novo roteiro con premio á ‘Tapa máis Doce’ para incentivar a participación de locais especializados en almorzos e abrir o concurso a novos públicos
Xa está aberto o período de inscrición do concurso, que rematará o 10 de xaneiro
“Desde Hostalería Compostela levabamos tempo detectando que Santiago (é) Tapas necesitaba un cambio de datas, xa que a tempada vacacional prolóngase cada vez máis e o mes de outubro, que nos últimos anos dedicábase á preparación do concurso, é cada vez máis activo na hostalería, mentres que a campaña de Nadal empeza cada vez antes”, explica Sara Santos, presidenta da asociación, á hora de explicar o cambio de data de celebración dun dos concursos de dinamización hostaleira “máis queridos da cidade, tanto polo sector como polo público”.
Así o manifestou tamén esta mañá en rolda de prensa, durante a presentación da XV edición do concurso, que se celebrará do 15 de febreiro ao 3 de marzo de 2024, e na que explicou que “un gran número de hostaleiros e hostaleiras suxeríannos que o fixésemos nunha data de menor actividade para axudarlles a dinamizar o consumo, e a nós pareceunos que esta XV edición era o momento perfecto para facelo, así que llo expusemos ao Concello e a Turismo de Santiago, que comprenderon perfectamente a situación e a quen agradecemos moito o seu apoio e a súa axuda para facer este cambio”.
“Cremos”, engadiu, “que tras a campaña de Nadal, a posta en marcha de Santiago (é )Tapas será un aliciente para reactivar a hostalería en febreiro, un mes de tempada baixa e no que a hostalería rexistra unha menor afluencia de clientes”.
Novo roteiro con ‘Premio á Tapa + Doce’
Un dos obxectivos da XV edición, é que Santiago (é )Tapas “recupere o espírito que tivo nas súas orixes, e que se converta na escusa perfecta para saír a sociabilizar e gozar da gastronomía en parella, pandilla ou en familia, ademais de servir para descubrir locais que non coñecemos, ás veces porque non se atopan nas zonas polas que saímos habitualmente”, dixo a presidenta de Hostelería Compostela, decidida dende a asociación a “involucrar o máis posible a todo o sector hostaleiro, e tendo en cuenta o cambio de hábitos que fixo que moitas cafeterías e locais céntrense actualmente en almorzos, brunchs e merendas ou o chamado tardeo, imos darlle máis protagonismo ás propostas doces, con Premio á Tapa + Doce e abrindo un novo roteiro que percorra eses locais”, convencida de que “dará a oportunidade de presentar propostas moi interesantes e abrirá o concurso a un público máis familiar”.
Santos finalizou a súa intervención afirmando que “desde a Asociación Hostalería Compostela cremos que Santiago (é) Tapas é un concurso con identidade propia, xa consolidado, e moi querido polo persoal da hostalaría, que cada vez se esforzan máis e que xa conseguiron que o nivel das tapas sexa cada vez mellor”.
Non son estas as únicas novidades da XV edición. Tal e como sinalou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o concurso de tapas de Santiago viviu varios cambios de datas dende o seu comezo. As primeiras edicións celebráronse na primeira quincena de xullo, xa que hay quince anos o sector consideraba que nesas datas non había suficiente actividade na cidade”.
Nos últimos anos Santiago (é) Tapas pasou a celebrarse no mes de novembro, co obxectivo de colaborar na desestacionalización turística da cidade neste mes de tempada baixa. Porén, nas dúas últimas edicións, unha vez pasada a pandemia do coronavirus e coa reactivación plena do sector turístico na cidade, o concurso sufriu un estancamento no número de establecementos participantes debido principalmente a que neste mes o sector xa ten un volume de actividade importante.
Así, segundo destacou Míriam Louzao “a razón fundamental deste cambio é unha razón moi positiva para Compostela. O cambio é debido a que os establecementos da cidade teñen agora no mes de novembro unga actividade moito máis forte da que tiñan hai uns anos, polo que entendemos que o concurso xa cumpriu a súa función neste mes”.
Pola súa banda, Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago, apuntou que xa está aberto o período de inscrición do concurso, que rematará o 10 de xaneiro, dando paracticamente dous meses de prazo para que os establecementos do Concello teñan tempo suficiente para pensar con previsión as súas tapas”.
Ademais, apuntou a un cambio na estrutura organizativa, que asume novamente Turismo de Santiago, do mesmo xeito que nos seus inicios, e contará coa colaboración da Asociación Hostalería Compostela. «Será máis sinxelo e eficaz, pero tamén requirirá de máis esforzo».