A Asociación Hostalaría Compostela celebrou onte a súa Asamblea Xeral Ordinaria. Case un ano despois da súa chegada á entidade, a Xunta Directiva presidida por Thor Rodríguez fixo balance destes primeiros doce meses de mandato. Foi en xullo de 2021 cando, trala renuncia do anterior equipo, doce hostaleiros e hostaleiras da cidade tomaron as rendas da entidade, despois dun momento complicado que fixo temer pola desaparición dunha asociación con máis de 40 anos de historia; e que actualmente segue a ser a segunda máis grande de Galicia.
Os principais eixos de traballo durante este ano foron a defensa dos dereitos dun sector moi castigado pola pandemia da covid-19, a recuperación da actividade formativa no Centro de Formación e Cultura co que contan na Rúa Salvadas e a organización de diferentes eventos que axudaron a dinamizar a cidade en épocas de menor impacto turístico, como foron o concurso de tapas Santiago(é)Tapas en novembro de 2021 e o I Encontro do Viño Galego Revera Vinum en marzo de 2022.
Neste tempo tamén se traballou na recuperación económica da propia entidade, que viña arrastrando serios problemas contables, logrando unha importante mellora que actualmente permite a súa continuidade.
Falta de taxis
Ademais do informe do presidente sobre a actividade realizada no seu primeiro ano de mandato, na Asamblea tamén se presentaron as contas anuais do exercicio 2021 e o orzamento para o ano 2022 e se recolleu a protesta de varios establecementos asociados pola escaseza do servizo de taxis. Nos últimos tempos, os hoteis e pensións da cidade están vendo como a súa clientela está tendo serios problemas para desprazarse con este servizo, provocando numerosas queixas e repercutindo negativamente na imaxe que a cidade ofrece sobre o seu turismo.
Hostalaría Compostela solicitou unha reunión co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para buscar unha solución a esta problemática.