Convencidos da necesidade de facer fronte a unha situación de constante criminalización e discriminación por parte do Concello de Santiago cara a actividade hostaleira, a Asociación Hostelería Compostela xunto a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela e hostalaría.gal, reuníronse para abordar o tema de forma conxunta e pedir unha reunión coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin.
No comunicado, no que advirten que é unha práctica que cobra especial inquina contra a hostalaría nocturna, as tres asociacións explican que «é esta unha situación que ven de lonxe, mais nos últimos tempos estase a manifestar na sua forma mais crua, cunha administración que mantén uns criterios interpretativos das normas absolutamente restrictivos e con demoras inxustificadas na resolución dos expedientes, que con frecuencia rematan co peche de establecementos».
«Entendemos que moitas destas resolucións ou ben teñen tinxiduras de arbitrariedade ou son aleatorias, provocando a indefensión dos afectados, presumíndose así nelas un ánimo de prexudicar ao sector.
En base a isto as asociacións de hostalaria de Compostela, (Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, Hosteleria.gal e Asociación Hostelería Compostela) acordamos solicitar con urxencia unha eunión conxunta coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, co fin de acadar unha solución definitiva e axil a esta situación. Así mesmo cumpre manifestar o noso apoio público aos compañeiros e compañeiras
dos negócios afectados».
Pola súa banda, en declaracións aos medios, Ramón García, xerente de Asociación Hostelería Compostela, coincideu no diagnóstico de que a interpretación das normas é restritiva e en que o problema vén de atrás, “fundamentalmente da época do goberno anterior, cunha situación que se foi deteriorando e na que os expedientes administrativos atrásanse cada vez máis, con continuas irregularidades nas notificacións”. Irregularidades que afirma ás veces achácanse ao sistema informático, “que lles impide notificar porque non lles funciona, pero iso non me deixa poñer unha terraza, e penso que se a min o día 20 non me funciona o sistema informático, pois non pago o IVE, a ver que opina entón a administración”.
Indica que o motivo que lles levou a asinar un documento conxunto para expoñer a súa situación é que “a xente está xa realmente cansa porque vemos que se aplican unhas normas que son de dubidosa aplicación, cun criterio sempre restritivo, no sentido máis prexudicial para o sector”, e engade que “se a Garda Civil quéreche multar, vai facer, porque non levas as lentes de reposto, pois vale, atopa o motivo por moi restritivo que sexa”.