A Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela convocaron unha concentración esta tarde diante da residencia oficial do presidente da Xunta de Galicia, en Monte Pío, para protestar polas últimas restricións impostas ao sector e para reclamar compensacións para uns negocios que están ao límite, cunha diminución dos ingresos dun 80% e coas axudas sen cobrar.
Ademais, os hostaleiros anunciaron que pensan iniciar accións legais contra a Xunta de Galicia. Os servizos xurídicos da Asociación entenden que as decisións adoptadas polo Goberno galego e publicadas no DOGA 4 bis de 8 de xaneiro de 2021, que afectan principalmente á hostalaría, teñan ocasionado un evidente prexuízo ao sector que, consideran, constitúe un claro suposto de Responsabilidade Patrimonial da Administración Autonómica. Así, o contido e as circunstancias nas que se teñen adoptado estas decisións, teñen ocasionado un real e efectivo dano, economicamente avaliable e perfectamente individualizado, que os establecementos do sector non teñen o deber xurídico de soportar.
As restricións adoptadas nesta norma afectan gravemente á hostalaría dada a escasa marxe que se dá (3 horas) entre o anuncio e a entrada en vigor da norma. Hai que ter en conta que no anuncio das restricións, acontecido ás 17.00 horas do día 8 de xaneiro, o conselleiro de Sanidade manifestou claramente que non sabía cando ían entrar en vigor.
Por outra banda, as axudas que se publicaron ata o momento son anteriores a este peche e, nos termos das convocatorias publicadas, unicamente veñen a compensar unha mínima parte dos ingresos deixados de percibir (lucro cesante). Polo tanto, en modo algún veñen a prever e/ou integrar a compensación das perdas orixinadas polas novas restricións impostas.
Os servizos económicos e xurídicos da Asociación están valorando se, nos termos previstos na norma, a presentación da reclamación de responsabilidade patrimonial vai ser de natureza colectiva ou individual.