O Hotel NH Collection acolleu a presentación do Manifesto da Plataforma pola Regulación das Viviendas de Uso Turístico de Galicia, da que forma parte a Asociación Hostalaría Compostela. En representación da nosa entidade acudiu a nosa presidenta Sara Santos.
O documento foi asinado, ademais de por Hostelería Compostela, por Agalin (Asociación Galega de Inmobiliarias), Unión Hotelera Compostela, Asociación de Veciños do Ensanche Raigame, Apartugali (Asociación de Apartamentos Turísticos de Galicia), Compostela Trip Rental, Asociación de Estudiantes Erasmus en Galicia e Asociación de Veciños de Barrio Xardín en Santiago.
A continuación, reproducimos o manifesto:
Esta plataforma nace coa vocación de actuar como un observatorio da evolución dos usos turísticos en Galicia, así como do grao de cumprimento da normativa vixente neste ámbito.
A proliferación dos usos turísticos en inmobles que tradicionalmente viñan destinando a un uso de vivenda permanente, xerou unha importante problemática a nivel social.
As consecuencias desta situación son patentes e coñecidas polas administracións públicas:
• Redución de oferta de vivenda habitual en rexime de aluguer.
• Prezos e alugueres inasumibles para os veciños.
• Baleirado habitacional das zonas de maior aproveitamento e demanda turística.
• Tendencia a unha oferta de negocios a pé de rúa centrada exclusivamente no turismo.
• Desprazamento progresivo da poboación e degradación dos servizos esenciais que gozan os veciños que permanecen neses lugares de maior atracción turística, etc.
É evidente que estamos ante unha situación complexa que deberá abordarse coidadosamente. Con todo, nada xustifica que se perda de vista a problemática social que mencionamos, nin que se deixen de adoptar medidas inspectoras e sancionadoras en casos de ilegalidade.
Os obxectivos desta plataforma poñen de manifesto a nosa vocación de colaboración con todas as administracións públicas que ostentan competencias nesta materia en todo aquilo en que sexa útil nosa contribución, perseguindo dous obxectivos:
• Un primeiro obxectivo irrenunciable consistente en lograr o efectivo cumprimento da normativa existente.
• E un segundo obxectivo, igualmente irrenunciable, tendente á solución dos problemas sociais que o fenómeno das vivendas de uso turístico provocou.
Así, os integrantes desta plataforma, composta por asociacións veciñais e actores dos mercados inmobiliario, hostaleiro, turístico e universitario asumiron o compromiso de velar pola correcta aplicación da normativa vixente, constituíndose en denunciantes de toda irregularidade, casuística ou estrutural, e asumindo tamén un papel construtivo na formulación de alternativas e incorporacións normativas que puidesen entenderse eficaces para deter a situación de patente fraude que actualmente existe.
Por tanto, imponse como estratexia inmediata que todas as administracións públicas han de facer efectiva a aplicación das normas en vigor a través da persecución e sanción das vivendas de uso turístico nas que se desenvolve unha actividade clandestina e non declarada.
Neste sentido, fomentaremos as denuncias que procedan nos ámbitos urbanístico, turístico e de consumo, instrumentalizadas neste caso través do Instituto Galego de Consumo ao que se remitirán as actuacións de mediación e arbitraxe.
Calquera vivenda á marxe da normativa, por non dispoñer das preceptivas autorizacións e comunicacións previas, ou por non cumprimentar os requisitos de fondo da súa actividade, debe ser inspeccionada, sancionada e, chegado o caso, clausurada; independentemente de cando comezase a súa actividade.
Paralelamente será preciso traballar en orde ás posibles modificacións da normativa, tanto urbanística como turística, que entendemos imprescindibles para a solución do problema social que se suscitou. Para iso deberá tomarse en consideración a opinión dos principais actores dos ámbitos sociais e sectores de actividade afectados, o cal ata a data sucedeu en moi escaso grao.
Esta plataforma busca e aposta polo turismo de calidade para Galicia, máis se cabe ante a inmediatez do Xacobeo 2021, e iso pasa ineludiblemente por ofrecer servizos con garantías que, lamentablemente, non están garantidas neste tipo de vivendas de uso turístico que ata a data, ben sexa declaradamente, ben sexa de forma clandestina, desenvolven a súa actividade á marxe de todo control ou esixencia por parte das administracións competentes.