A Asociación Hostalaría Compostela estrea nova Xunta Directiva que preside Thor Rodríguez, propietario do café bar especial O Boneco. Despois duns meses co mando nas mans do xerente da entidade, Ramón García, tras cederlle as súas competencias os anteriores dirixentes, a Asamblea Xeral Extraordinaria celebrada onte proclamou vencedora á única candidatura presentada nestes comicios.

O equipo, formado por seis persoas da rama da restauración e seis persoas da rama de hospedaxe, márcase como principais obxectivos darlle un novo aire á asociación, deixando atrás situacións do pasado, abríndose á sociedade e defendendo os intereses dun sector moi castigado pola crise da covid-19.

“A entidade, que é pioneira do asociacionismo, conta actualmente con máis de 600 locais asociados de Santiago e a súa contorna e queremos chegar a máis. A intención é aumentar a masa social, porque cantos máis sexamos, máis forza teremos para saír xuntos desta crise tan grave que vivimos desde fai un ano e medio”, explicou o presidente nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por dous dos directivos: Mayka Mera, da Pensión O Muíño, e Javier Míguez, da Bodeguilla de San Lázaro. Thor destacou que a nova Hostalaría Compostela é unha asociación “aberta a falar e colaborar con todo o mundo”, que buscará “o diálogo constante coas institucións e todos os partidos políticos”.

Outro dos seus retos será o de mellorar a oferta formativa aproveitando as instalacións coas que dispoñen na Rúa Salvadas e organizar diversos eventos gastronómicos e culturais que axuden a dinamizar á cidade en épocas de menor impacto turístico.

A nova Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela está formada doce persoas que representan a diversidade da hostalaría de Compostela e a súa comarca. “Formamos parte deste equipo hostaleiros con moita tradición, xente con proxectos novos, locais do Camiño de Santiago, hoteis, pensións, cámpings, restaurantes, bares, bares de copas…”, sinalou Thor. 

O acto rematou brindando cun viño Olivia Rosé da adega Pazo Pondal.