Unha representación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela e comarca reuniuse esta mañá co portavoz municipal do BNG e primeiro tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e coa concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, para tratar con eles as alegacións ao borrador da ordenanza de terrazas presentadas pola nosa entidade.

Para a nosa asociación este borrador é demasiado restritivo para a realidade de Ames e obsérvase con preocupación, entre outros temas, que moitas das cuestións que regula queden ao criterio arbitrario do servizo técnico municipal.

No caso concreto do Milladoiro, os hostaleiros son conscientes de que o seu modelo urbanístico dificulta o equilibro de espazos peonís coas terrazas, pero o sector considera que a solución non pode vir a costa dos seus establecementos. As terrazas son un espazo de socialización máis e existen outras medidas máis axeitadas como a reordenación do tráfico que sirva para gañar espazo para os peóns.

Os representantes do BNG avogaron por procurar o maior consenso posible nesta nova normativa, unha idea que Hostalaría Compostela ve con moi bos ollos. O obxectivo é lograr unha ordenanza o máis xusta e funcional para todos, hostaleiros e resto da veciñanza de Ames.

Hostalaría Compostela iniciou hoxe así unha rolda de contactos cos diferentes grupos políticos con representación na vila e que continuará mañá cun encontro con Ames Novo. Nesta semana esperamos reunirnos tamén coa concellaría que ten as competencias neste tema.