No competitivo mundo do emprendemento, contar cunha proposta de valor clara e ben definida é esencial para destacar no mercado e atraer tanto a clientes potenciais como a investidores. Partindo desta idea e tendo claro que «a proposta de valor debe articular de maneira precisa o problema que o produto ou servizo resolve, como o fai e por que é mellor que as alternativas existentes», a Cámara de Comercio organizou unha xornada formativa deseñada para persoas emprendedoras que buscan «afinar a súa proposta de valor e aprender a comunicala de maneira efectiva para maximizar o seu impacto no mercado».
“Deseña unha proposta de valor atractiva e como comunicala” é o título dunha xornada formativa, aberta a todos os asociados de Hostalería Compostela, que aprenderán a identificar as necesidades e problemas específicos do seu mercado obxectivo, desenvolver unha proposta de valor clara e concisa, e utilizar estratexias de comunicación efectivas para presentar a súa proposta a diferentes audiencias, incluíndo clientes, socios e investidores.
Impartido por Raquel Argibay, a través de exemplos prácticos e exercicios interactivos, as persoas emprendedoras poderán crear unha proposta de valor que non só ecoe co seu público obxectivo, senón que tamén lles permita diferenciarse da competencia e construír unha base sólida para o crecemento do seu negocio.
O taller, que se celebrará en liña o vindeiro martes 9 de xullo, de 16.00 a 19.00 horas, está deseñado para introducir a persoas emprendedoras, autónomas e profesionais do mundo empresarial na arte de desenvolver e comunicar unha proposta de valor efectiva. «Comezaremos cunha explicación detallada do que é unha proposta de valor, abarcando a súa definición, compoñentes clave e unha breve historia da súa evolución no contexto empresarial. Analizaremos as súas aplicacións tanto xerais como específicas en distintos ámbitos profesionais, avaliando as súas vantaxes e desvantaxes, e presentarase o lenzo da proposta de valor, unha ferramenta práctica que axuda a visualizar e estruturar os elementos esenciais da proposta de valor», explican desde a Cámara de Comercio.
As persoas participantes aprenderán a identificar necesidades e problemas do mercado, e a utilizar o lenzo para desenvolver unha proposta de valor clara e convincente. Ademais, proporcionaranse estratexias de comunicación efectivas para presentar a proposta de valor a diversas audiencias, incluíndo clientes, socios e investidores, asegurando que cada mensaxe sexa impactante e relevante.
O obxectivo principal desta sesión é capacitar a persoas emprendedoras, autónomas e profesionais do mundo empresarial no desenvolvemento e comunicación efectiva da súa proposta de valor.
Búscase que as persoas participantes comprendan as posibilidades que ofrece o lenzo da proposta de valor como ferramenta estratéxica, e os elementos crave a ter en conta para a súa aplicación exitosa en distintos contextos empresariais.
Ao finalizar a xornada, os participantes estarán equipados cos coñecementos e habilidades necesarios para crear e comunicar unha proposta de valor que conecte cos seus clientes, socios e investidores.