Compostela prepárase para gozar dunhas novas Festas do Apóstolo que arrancarán o vindeiro venres 19 de xullo co tradicional pregón a cargo dunha persoa vinculada a Compostela, e que dará paso a doce días de festa coas actuacións de Dakidarría, Femi Kuti & the positive force, Harlem Gospel Travelers, Maro, Mercedes Peón ou Antònia Font, e espectáculos de folclore, orquestras, circo, danza, cabezudos, alboradas…e por suposto os tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31 que completan o programa desta edición. Ademais, as populares atraccións estarán na Alameda entre o 19 e o 31 de xullo con tres días de horario inclusivo sen ruído para que poidan ser accesibles a todas as persoas.
Serán segundo a concelleira Pilar Lueiro unhas «festas cunha programación diversa, inclusivas, para todos os públicos, deseñadas para gozar dos espazos públicos, e para poñer en valor a cultura de noso en pé de igualdade con outras manifestacións artísticas chegadas doutras latitudes».
A imaxe das festas deste ano foi realizada pola deseñadora Lidia Cao, e contará cun programa para «desfrute da xente mirando de xeito especial para a nosa veciñanza, as nosas festas son un escaparate dos e das nosas artistas, da produción propia».
Grandes concertos na Quintana
Os grandes concertos celebraranse unha vez máis na praza da Quintana, comezando pola mesma noite do pregón, cando actuará o grupo Dakidarría. Outros nomes que pasarán pola Quintana son Femi Kuti & the positive force (luns 22), Harlem Gospel Travelers (martes 23), Zenet (mércores 24), Maro (xoves 25), Mercedes Peón (luns 29), Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Carmen París e Martirio-concerto Enredadas (martes 30) e Antònia Font (mércores 31).
Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 26, e o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola solista Ana San Martín, o sábado 27.
Outras citas que acollerá esta praza serán as xornadas de Folclore galego, o sábado 20, e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 21. Ao longo da xornada do venres 19 terá lugar a terceira edición da Feira do Vestir «de onte a hoxe», con obradoiros, pasarelas e actividades para a cativada, no marco do programa do Día do Traxe Galego, que se desenvolverá ao longo do domingo 21 e que segundo anunciou Pilar Lueiro, será presentado nunha rolda de prensa específica.
Diversos espazos de cidade
O parque de Galeras acollerá un ano máis un ciclo de oito concertos para todos os gustos, por onde pasarán artistas como Lusardi e Boa Sunet (martes 23), C. Mirazo (mércores 24), Sr. Salvaje (xoves 25), Ailá (26 xullo), Carolina Rubirosa (sábado 27), Malabesta (domingo 28), Capital Voskov (luns 29) e Apart (domingo 30). Neste mesmo espazo tamén terá lugar a proposta teatral ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’, do grupo Chévere (martes 30) e o espectáculo circense ‘Cigani 100%’ da compañía Antón Coucheiro (mércores 31).
A praza de Mazarelos tamén servirá de escenario para varias citas musicais: Pío k trio & Hyness (venres 26), Socorro Lira (sábado 27), e varias actuacións no marco do concerto ‘Peregrinos Musicais’. Tamén acollerá o espectáculo circense ‘Cualquier verdura’ da compañía Chimichurri (luns 22).
Como novidade, este ano o Ensanche compostelán súmase ás Festas coa celebración na praza Roxa do ‘Santiago Gaming’ o sábado 20, un evento para os amantes dos videoxogos, e do ‘SUF Santiago Urban Fest’, un festival pioneiro de música urbana que nace dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude do Concello e que contará coa actuación de 24 artistas emerxentes, o sábado 27 de xullo.
Ademais, na explanada do estadio Vero Boquete acollerá o sábado 20 un espectáculo de drons dentro dos actos do 30 aniversario de Cidades Patrimonio, e as persoas amantes da danza tamén poderán gozar das propostas artísticas dos bailaríns e bailarinas chegados desde diferentes lugares para participar no espectáculo ‘Danza no camiño’ na praza de San Martiño Pinario o vindeiro 19 de xullo.
Outras citas tradicionais
Así mesmo non faltarán citas tradicionais do Apóstolo, como o XLVI Torneo de chave, o Día de Padrón, a Festa do Escalo de Chaián, as orquestras ou as populares atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo; así como as tradicionais alboradas, a comparsa de cabezudos que percorrerá as rúas da cidade histórica na mañá do 25 de xullo e os Fogos do Apóstolo nas noites do 24 e do 31.
Ademais, como novidade, «para o día grande, o Día do Apóstolo, haberá animación todo o día, xa que a charanga TNT percorrerá as rúas da cidade de 17 h a 20 h».
Tamén volverá un ano máis o TRAD FEST, que se desenvolverá ao longo do domingo 28 no parque de Bonaval.
Actividades para todas a idades
O Parque Eugenio Granell acollerá o vindeiro 23 de xullo, unha xornada de divertimento dedicada especificamente á cativada de Compostela, a Festa Pícara. Trátase dunha xornada que contará con actividades variadas de teatro, música, títeres, obradoiros na lingua propia e poñendo en valor a cultura do país e achegando os pequenos e pequenas á lusofonía a través da música.
Ademais desde o día 21 ata o 30 de xullo varios espazos da cidade acollerán un ciclo ‘Cinema Compostela’ de cine ao aire libre, no que se proxectarán seis películas recentes do audiovisual galego para público infantil e adulto: ‘Salta!’ , ‘O Corno’ , ‘As Neves’, ‘Cuñados’, ‘Amigos ata a morte’ e ‘Honey Moon’.
Puntos Lila
A concelleira recordou que haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 19 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén se sumará un Punto Lila na praza Roxa, que estará aberto o día 27 de xullo, en horario de 19:00 a 23:00 horas e persoas itinerantes que ofrecerán información durante os concertos que se celebrarán no parque de Galeras.
A edila tamén recalcou a existencia dun horario inclusivo sen ruído nas atraccións da Alameda os días 20, 27 e 30 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, ademais de que se lle solicitou «a baixada de decibelios durante todos os días e horario restante».