A punto de celebrarse San Xoán, o Concello mantén aberto ata o día 20 de xuño (xoves) o prazo para solicitar o permiso para facer unha cacharela e/ou sardiñada nun espazo público da súa zona de residencia, ou nun terreo dunha propiedade privada.
Cacharelas en espazos públicos
As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada nun espazo público da súa zona de residencia deberán presentar a solicitude correspondente (Modelo oficial 002), así como as declaracións responsables que correspondan debidamente asinadas e un seguro de responsabilidade civil acompañado do recibo do pago da prima, na sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) ou na rede SARA, ata as 23:59 horas do 20 de xuño.
A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do espazo público (no privado non se necesita plano) no que se vai situar a cacharela/sardiñada, así como da situación de todos os elementos presentes no espazo autorizado.
Nas cacharelas e sardiñadas que se celebran en espazos públicos, terán prioridade as asociacións veciñais e culturais.
Cacharelas en espazos privados
Os particulares que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada en terreos de propiedade privada deberán presentar a comunicación previa debidamente cuberta e asinada (Modelo oficial 008). As solicitudes poderanse presentar presencialmente no rexistro xeral ou en liña a través da sede electrónica do Concello (sede.santiagodecompostela.gal), da rede SARA ou do banner dispoñible na páxina web do Concello de Santiago ata as 23:59 horas do 20 de xuño.
Normas básicas
Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112). Se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. No caso da zona rural, a cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.
A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano e porase atención en alonxar a fogueira de vivendas, vehículos, e instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables ou baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico, así como de recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.
A fogueira permanecerá vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.
A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada e será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade.
Prohíbese expresamente a celebración de Cacharelas e Sardiñadas de San Xoán nas seguintes prazas: praza do Obradoiro, praza da Quintana, praza do Toural, praza de Praterías, San Martiño Pinario, praza de Cervantes, Inmaculada, praza de Mazarelos, Irmán Gómez, San Miguel e San Agustín.
HORARIOS NA HOSTALERÍA
Amplíase unha hora máis o horario habitual de peche dos establecementos de hostalería, tanto para locais como para terrazas.