A xunta de goberno local do Concello de Santiago acordou suspender durante un ano as licenzas e comunicacións previas de actividade relacionadas co turismo, a hostalería ou o uso residencial no centro histórico para estudar como protexer o comercio de proximidade e fixar poboación na zona vella.
Así o avanzou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, nun almorzo informativo organizado polo Executivo local ao cumprirse un ano da toma de posesión.
Con eses obxectivos, a rexedora explicou que van estudar «os eixos comerciais» da cidade histórica, analizar que actividades hai e os seus usos. Por iso, suspéndense as licenzas e comunicacións previas para decidir «cal é o camiño» que queren ter en «o fomento do comercio de proximidade».
Deste xeito, o Goberno local espera que a xente «decida quedar a vivir na zona vella». «Coa idea de fomentar as actividades comerciais aprobamos ese inicio do proceso para unha modificación puntual do plan especial, xustamente con esa idea de fixar poboación e facer ese estudo que determine cara a onde teñen que ir eses usos e cales son as actividades que temos que preservar», manifestou.

AFECTACIÓN
Mentres, o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, destacou que igual que se fala de «a importancia de protexer o uso das vivendas», tamén é necesario «protexer o comercio de proximidade».
O prazo, especificou, é «como moito dun ano ou ata que se aprobe a modificación» na que traballa o seu departamento. Así, suspéndense os actos suxeitos a licenzas e comunicacións previas que supoñan novos usos residenciais en planta baixa ou as comunicacións previas para implantación de novos usos de carácter terciario, tamén en planta baixa, entre outros.
Como excepcións, esta suspensión non se aplicará cando o local xa teña unha licenza de obras para esa actividade; no caso de comunicacións previstas de primeira ocupación de vivendas que xa teñan licenza; ou a oficinas que non teñan carácter turístico (locais de cambio de moeda, consignas de equipaxe ou free circuíto, por exemplo), así como ao comercio de proximidade que se pretende protexer.

A continuación reproducimos o recolleito na xunta de goberno deste 17 de xuño respecto diso.
39. PLANEAMENTO. Referencia: 2024/00027192Y.
Aprobación da suspensión cautelar para a reforma da vixente normativa de usos do Plan especial de protección no ámbito da cidade histórica (PE-1)
Ao abeiro do previsto nos artigos 47.1 da Lei 2/2016 do solo de Galicia e 86.1 do seu Regulamento, suspender, no ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), os procedementos de licenza e de comunicación previa para os actos que a continuación se describen.
Ámbito territorial da suspensión
O ámbito territorial afectado é o delimitado no vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) como PE-1, cuxa ordenación detallada se remite polo plan xeral ao Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica aprobado o 24.03.1997.
Actos obxecto de suspensión
A suspensión afectará os seguintes actos cando estean suxeitos a licenza ou a comunicación previa:
1. Os que supoñan a implantación de novos usos residenciais na planta baixa en locais onde se viñan desenvolvendo outros usos.
2. A implantación de novos usos e actividades de carácter terciario en planta baixa.
3. Os cambios de uso ou de actividade nos locais existentes, así como a modificación das condicións ou das características da actividade existente.
Actos non afectados pola suspensión
Os actos que se relacionaron no apartado anterior non resultarán afectados pola suspensión en calquera dos seguintes supostos:
a) No caso das comunicacións previas de inicio de actividade, cando o local xa dispuxese da preceptiva licenza de obras para desenvolver a actividade, consonte ao previsto no artigo 144.2 do RLSG.
b) No caso das comunicacións previas de primeira ocupación de vivendas, cando xa obtivesen licenza urbanística de execución das obras precisas para o uso residencial.
c) Cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar -ou modificar as súas características- teña carácter dotacional. Inclúe o docente, sanitario, asistencial,
sociocultural, institucional-administrativo e deportivo.
d) Cando o cambio de actividade -ou a modificación das súas características afecte a locais existentes de ocio/restauración, e o uso ou actividade que se pretenda se inclúa no grupo I (restauración) do artigo 112 do PXOM.
e) Cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar -ou modificar as súas características- sexa de oficinas e non teña carácter turístico. Considéranse de carácter turístico as oficinas de cambio de moeda, as axencias de viaxe, visitas guiadas, free-tours, consignas e similares.
f) Cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar -ou modificar as súas características- se corresponda con algún dos seguintes tipos de establecemento comercial, segundo a definición establecida no artigo 109.2 do PXOM:
 B3 (mercados)
 E1 (proximidade), sempre que os produtos e servizos comercializados sexan de uso frecuente polas persoas residentes, e non estean maioritariamente orientados ao turismo.
 F2 (de interese sociocultural)
Para os efectos do disposto nas alíneas e) e f) as persoas interesadas deberán achegar á solicitude de licenza ou á comunicación previa a seguinte documentación:
– Unha memoria explicativa do tipo de produtos ou servizos que se van comercializar no local, con indicación da súa correspondencia con algún dos tipos sinalados (B3, E1, F2 ou, de ser o caso, oficinas de carácter non turístico).
– Unha declaración responsable de que só se van expoñer e ofertar no local os produtos e servizos que se describiron na memoria.
Vixencia da suspensión
O acordo de suspensión entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.
A suspensión previa terá a duración máxima dun ano (UN ANO), que deberá computarse segundo o disposto nos apartados 4, 5 e 6 do artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas (LPA).
En todo caso, extinguirase co acordo de aprobación inicial do novo plan, sen prexuízo do inicio da suspensión automática derivada do artigo 47.2 da LSG.