Tralo anuncio feito onte polo presidente do Goberno das medidas que se van poñer en marcha para a reactivación da actividade no sector da hostalaría durante esta pandemia do Covid-19, a Asociación Hostalaría Compostela quere amosar a súa absoluta preocupación e disconformidade con algúns dos puntos presentados. “Está claro que non tiveron en conta ao sector. Estas medidas que acaban de anunciar perxudican moito á nosa economía”, sinala a nosa presidenta, Sara Santos.

En concreto, os hostaleiros cren que abrir os negocios con só o 30% da ocupación das terrazas durante a chamada Fase 1, co 30% de aforo no interior na Fase 2 e cun 50% na Fase 3 sería ruinoso para a maior parte deles. “É moi diferente un chiringuito de praia que os establecementos que temos aquí en Compostela”, opina Santos. “O aforo do 30% non é suficiente para manter os gastos que supón unha cafetería ou un restaurante. Nin cando sexa do 50% chegará. Vémolo totalmente inviable”, afirma. 

ERTEs

Á espera de que se publique o real decreto que inclúa as diferentes fases anunciadas onte, as incógnitas sobre como se producirá a volta ao traballo seguen sendo moitas. Son todavía descoñecidas, por exemplo, as medidas hixiénico sanitarias que se deberán poñer en marcha.

Ademais, Hostalaría Compostela está especialmente preocupada pola situación dos ERTEs, unha medida á que se acolleu o 90% dos asociados. A Asociación considera necesario mantelos para poder voltar á actividade. É, polo tanto, preciso saber como se realizará a súa flexibilización tendo en conta a circunstancia de forza maior na reincorporación progresiva dos traballadores. Tamén se pregunta se existirá a posibilidade de volver a solicitar un ERTE unha vez levantado, se é que algún local tivera esa necesidade. 

A toda esta situación, hai que sumar as exencións fiscais e de taxas municipais, así como as liñas de finanzamento e as axudas directas á superviviencia das empresas ou ao mantemento do emprego, que continúan sendo insuficientes. Os hostaleiros tamén botan en falta unhas campañas de dinamización e reactivación económica que teñan en conta o peso específico dun sector que se estima representa o 20% do PIB da cidade.

Has one comment to “Hostalaría Compostela ve inviable a apertura dos locais cun 50% da súa capacidade”

You can leave a reply or Trackback this post.
  1. ocarallojosiño - 30 abril, 2020

    Pois eu petado de xente telo claro que non entraria para nada.